ESTATUTOS DA ESCOLA DE PRÁCTICA XURÍDICA DE FERROL
Aprobados pola Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Avogados de Ferrol, en sesión de 19 de Xaneiro de 2012.
1. CAPÍTULO PRIMEIRO
NATUREZA, RÉXIME XURÍDICO E FINS DA ESCOLA
Artigo 1º.-
Natureza e réxime xurídico. A Escola de Práctica Xurídica de Ferrol (en diante “a Escola”), constitúe un Centro de Formación Xurídica Profesional, dependente do Ilustre Colexio de Avogados de Ferrol (en diante “ICAFerrol”), que se rexerá polos presentes Estatutos e polas demais normas que lle sexan de aplicación.
A ESCOLA carece, xa que logo, de personalidade xurídica propia de seu.
Artigo 2º.-
Denominación e domicilio. Terá a denominación de “ESCOLA DE PRÁCTICA XURÍDICA DE FERROL”, e o seu domicilio na sede na que estea establecido o ICAFerrol, sen prexuízo de que, para o mellor desenvolvemento das súas actividades, poida contar con locais independentes e instalacións complementarias ás do propio Colexio.
